Monday 06 de May de 2024

Lete Lasa sinala que as medallas do ciclocross galego a nivel nacional estimulan o noso ciclismo para seguir crecendo


O secretario xeral para o Deporte recibiu a Selección Galega de Ciclocross

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, recibiu hoxe a Selección Galega de Ciclocross que, entre outras medallas, vén de gañar a de bronce na proba Team Relay por seleccións, dentro do Campionato de España de Ciclocross celebrado do 9 ao 11 de xaneiro na localidade asturiana de Xixón.

Durante o acto celebrado esta tarde na Casa do Deporte de Vigo, Lete Lasa felicitou aos deportistas polos salientables resultados acadados durante a súa intensa participación nas diversas probas da competición e agradeceulles a boa imaxe do deporte e do ciclismo galego que proxectaron a nivel nacional desde o circuíto xixonés do Parque de Los Pericones.

O responsable de Deportes da Xunta destacou que os logros competitivos na modalidade de Ciclocross son un estímulo para o fortalecemento do ciclismo galego, que medrou en máis de 500 novas licenzas nos últimos dous anos, chegando a preto de 5.400, á vez que xorden novos clubs, rozando nas catro provincias en total as duascentas entidades -197- plenamente operativas na actualidade.

“Contemplar a vosa destreza ante todo tipo de obstáculos e terreos e a vosa maneira de traballar en equipo é un magnífico espectáculo para os afeccionados e un exemplo para os novos practicantes desta modalidade”, asegurou, á vez que lles animou a seguir loitando por conquistar novas metas nas súas traxectorias deportivas e a seguir promovendo o desenvolvemento do Ciclocross en Galicia.

As medallas galegas no Campionato de España
O combinado de deportistas que conquistou a terceira praza na proba Team Relay estivo integrado por Mauro González Fontán (club Salvaterra de Miño), da categoría elite; Raúl Fernández Lorenzo (O Rosal), categoría sub 23; Desiree Duarte (Candybike), categoría júnior; Alejandro Mesías (Quintena), categoría máster 30; Samuel González (Salvaterra de Miño), categoría júnior, e Iván Feijoo (Maceda), categoría cadete.

Ademais do bronce na carreira de remudas, no que de principio a fin foron quen de sortear desde os postos de cabeza todos os obstáculos e tipos de terreo que conformaban os tres quilómetros de percorrido de cada volta, os galegos trouxeron á casa outras medallas igualmente meritorias a nivel individual, como a prata e o bronce da categoría júnior que recaeron respectivamente en Desiree Duarte e Irene Trabazo, esta última do Club Ciclista Marín, xunto cos bronces do sub 23 Raúl Fernández e da cadete do club Salvaterra de Miño Sara Trigo, e as pratas de Iván Feijoo en categoría cadete e de Narciso Piñeiro, do Spol de Porriño, na categoría máster 30.